quinti.net, web multimedia
quinti.net foto

Valid XHTML 1.1 Valid CSS V.3
contacto blog cultura noticias desarrollo multimedia sarria

Login

DO TRAZO AO TEXTO: A MAN QUE EMIGRA, PEREGRINA.

 O home é un peregrino, di J. Ortega y Gasset. O camiñante que leva dentro unha meta achégase pasando por elas ás cousas elementais: as árbores, augas, pontes, brañas, o ceo, os montes, vales, as estrelas, animais nocturnos ou manantíos da aurora, aves, paxaros. O sol, a vida. Faise o camiño coa mirada sempre dianteira e, de cando e cando, no outeiro, xira arredor contemplando a paisaxe, o percorrido, as pegadas, o horizonte, e alá, aínda lonxe, adivina o invisíbel, o que agarda.
 

    Pódese sentir entón o camiño coma a rota do coñecemento. Imos vendo, interiorizando, achegando a intimidade da bubela entre os salguieros ou do verderol no medio das canas e talos da avea, centeo, do trigo, a claridade leitosa das estrelas que sinalan o rumbo dos pasos, o latexo do corazón en contacto vivo coa natureza. Un pé na terra, outro alzándose, a man cos remos no aire, o corpo lixeiro de mañá ata o instante sublime da vertical do home co ceo no punto quente do sol ao mediodía. O Ánxelus. A presenza do anxo.


     Andando achéganse as cousas da vida no lecer da pousada e míranse unhas noutras deixando entre elas referencias, relacións, albiscos dunha nova presencia que se amosa descoñecida e dá outro xiro ás pegadas xa longas no remol do andado. O camiño faise, di o poeta, camiñando.


    É o sentido afondado na conciencia ao paso dos pés por beiras, matos, cantos e sucos, sendeiros, rúas, Iousame, areas, pó, suados, ao refrixerio nas fontanas, sombra da sobreira xa preto do alto do porto de montaña O Cebreiro. Afóndanse as vereas nun punto interior da mirada que xa olla tamén dende dentro.


     Así flúe o coñecemento das cousas río abaixo, arriba, de costado da vida, e a cor que deixan como semente, a eito, de sensacións, intuicións, ideas, mollos de sentimento na tea lenta dunha paisaxe nova, antes descoñecida, un espello que as reflicte con outro sentido. É a mirada do ollo fundido coa pel do mundo. O instante nú en que a superficie lisa do lenzo ou da páxina transparece, como o alento feito lume na boca, a  superficie da terra, o pentagrama do ceo, o padal limpo de azuis, verdanal ou bafo de herbas e augas coa brétema dos carreiros.


      Comeza aí un tempo inédito. En conversa unhas coas outras como os Santos do Pórtico da Gloria, xa no limiar do templo grande ou fragua de pedra orballada, as cousas dinse palabras secretas que descobren outro modo calado de vida e permanencia. E nese dicir fala o sentimento que avivaron ao paso acordado dos camiños. Por iso se amosan con cores, perfís, volumes, radiacións internas que a ciencia soubo ver e sentir co artista, o poeta, o músico, algúns pensadores e creadores que albiscaron a rota nova da peregrinación poética. Labran o corazón e fannos escultura viva. Unha escultura sensitiva, dixo A. Comte. O barro da orixe co sopro da creación.


     As cousas flúen entre elas con correntes vivas de materia en estado fundido, sensacións, afecto e evolución emerxente que a arte nos pon diante dos sentidos para entrarmos no atallo do coñecemento poético. Ut pictura poiesis. Un estado de fusión plástica onde fermentan predicados sen suxeito, o limo e fogo que antecede á codia definida das cousas. A fusión atómica do sentido que Herder, Hamann, Hegel, Amor Ruibal e Ortega y Gasset presentiron no nome poético.


    Velaí o punto, o centro expansivo do filósofo e poeta, do trazo na tea, do tacto do lapis na madeira, da pluma co papel, do cicel no mármore, da man no barro vidrado, do pé gravando pegadas na terra entre areas, lousame e cantos do pensamento na vida. O punto expansivo de N. de Cusa, a Matemática, a viaxe do número na mente, a Xeometría ou medida da terra, o tacto elemental que toca co movemento do corpo animado cunha nova enerxía a materia atómica que nos une a todos e diferencia con imaxes tamén mancomunadas por alleas que en principio se amosen no poema, no cadro, na escultura, na danza, no drama, na composición musical, nos beizos que afondan o comezo dunha nova existencia, no concerto das estrelas camiño dianteiro dun encontro descoñecido, inesperado, que crea un novo nome, unha nova imaxe, outro sentimento, outra visión de existencia, unha Compostela. O punto aquel que chega dende os pitagóricos a E. A. Poe e P. Klee.


     O punto é o lugar. Hic est locus, dixo un dos primeiros peregrinos a Santiago no intre da súa morte. A volta ao terreal, á cinza. O verdadeiro decorrer das cousas dáse logo co regreso, se volvermos, ou refluxo da vida sobre sí mesma, no instante en que a liña, a fluencia das cores, das superficies acarexadas ou estaladas, adquire volume, densidade, penetración, haxa ou non haxa figura, pois aínda así o rostro segue invisíbel, adiviñado, en calquera faciana de persoa ou cousa que se amose presente. Será só momento, trazo, rota do camiño que reflúe e condensa o peso da vida. Quen é peregrino volta de regreso con outra mirada.


     O ver e sentir da arte crea unha pel estrana cuxa profundidade, pensa Merleau-Ponty, nos ancora na vivencia do mundo. Velaí o segredo grande de Turner, Cezanne, Mallarmé, Monet, Rimbaud, de Velázquez e Rembrantd ao deixaren anacos de lenzo case nus de cor ou airearen a súa fluencia dándolle sentimento amarelo, vermello, cinzo, azul, violado, negro, branco, gris, franxas ou borralla verdella, pálida, de Tiziano entre a fervenza do desexo e o canto da morte. Cores con latexo que Sartre comprendía moi ben malia a súa resistencia a concederlles o valor que o artista lles descubrira.


    A pintura, a plástica, vai da man, de mente, coa poesía e a música respirada entre palabras, pinceis, volumes e superficies. Dixoo Platón. O home peregrina polo mundo cunha sombra de si mesmo coma se fosen dous os camiñantes. Temos dentro un gramático e un pintor. O gramático anota, transcribe, en verdade labra a realidade na mente deixando o trazo do seu pulo nela, a pegada da vida. Vén logo o pintor, e contemptado aquel grafo, debuxa e pinta o mundo como o coñecemos chamándolle logo natureza. Escultura mínima da materia na mente e cor de vida.


    O pensamento, a gramática, ten cor e letras dentro. A pintura e escultura comezan co xesto e grafo da man, como a escritura. Hai un mesmo movemento na representación das cousas coa palabra, as liñas, volumes e cores. Podemos dicir incluso que a palabra é o trazo do alento na superficie aérea do respiro. Por iso houbo pensadores que vían e sentían as palabras con volume e figura. A Arte, Gramática Poética.


    Ao celebrar de novo a presenza entre nós do salón de Outono de París en Galicia recordamos aquela convivencia da poesía, plástica, pensamento crea-dor e ciencia no remate parisino do século dezanove e limiar do vinte. Anos que tamén tiveron eco aquí entre os nosos creadores como seguindo as pegadas peregrinas e emigrantes do camiño dende a Idade Media. Non consistira a nova arte en esgazar a pel transparente do cadro e xogar co seu tecido dándolle ás cores, liñas e pianos das formas eminencia opaca de universo. A figura, a escena humana, a paisaxe obxectiva esfiañábase, certo, mais non era esgazo dende a superficie ao fondo coma se a figura durmise alí un sono de etemidade. A man estendía a pasta ou peteiraba na tea desfiando o tempo cruzado co espazo, no comezo aparente en que as febras e fíos da materia bolen antes de conformar existencia ou no intre mesmo de ter figura. Era camiño na materia. E as vibracións tactan na retina un instante preñado de presencia. Así sentiron Sartre e Ortega y Gasset, cada un deles ao seu modo, esta arte que chamaron deshumanizada fronte da imaxe obxectiva. érao, dende logo, se pensamos en David ou en Solana, pero concedéndolle valor pictórico ao prefixo des con pulo de man que desfía a figura para revelar o tecido que a conforma e o segredo que o home leva dentro antes de ver e sentir as cousas, os obxectos debuxados como anacos da vida. A figura que se forma na retina vén dun pulo fervente no que os contornos perden os Iímites e se funden en estado líquido de emerxencia. O sentimento humano do século vinte consistiu na fervenza íntima da forma nacente. Asistimos á pregnancia do mundo. A desfiguración foi e aínda é hoxe, por enriba da negación e tachismo dalgúns casos coñecidos, un grao de intimidade emerxente, de sentimento pensante e de conciencia sentinte. No fondo da forma hai latexos de orixe descoñecida. Chámana fóra de si mesma como ao peregrino e só se comprende facendo o camiño de volta. A forma emigra e reza en segredo.


    E. Lévinas nomeou como exotismo esta chamada allea que a arte clásica interrompe facendo esvarar de novo a mirada sobre as formas e refacendo así unha figura que nunca entreabre o seu rostro amaiado. O filósofo francés vía no brillo da forma clásica unha manquedade de enerxía final e unha merma entrópica que impide saír e verter aquel magma ardente que xorde debaixo das formas e ao remate non dá, non entrega a ilusión de realidade exótica que promeífa. Intuimos nela un modo diferente de tempo e espazo, unha vivencia distinta do mundo percibido, pero non chega nin se realiza tal como se anuncia ou a louvan, e entón a forma repítese, esvara sobre si mesma sen romper o círculo que a reproduce. Queda no mesmo de sempre e os críticos así afillados cren que atopan nas súas variantes e comentarios unha esencia. A arte verdadeira, a clásica inconforme ou a moderna sen acougo leva máis alá dos seus Iímites comentando o que perde ao prometer ese paraíso que non achamos nunca. O artista, poeta e pensador moderno, incluidos os grandes clásicos, Montalbán,
Cervantes, Quevedo, Gracián, e logo, entre outros, Dostoievski, Baudelaire, P. Valéry, Bergson, Lévinas, comprenderon esta esixencia crítica da obra de arte. O tecido do lenzo e da páxina tevan un texto dentro, unha lectura continua.


     AULIGA quere agasallar esta nova vivencia da arte coa amizade da poesía e pensamento poético, a renovación civil dos modos de vida nunha sociedade que sabe colorear a Historia coa Vida, Arte e Pensamento. Benefac loco illi quo natus es, di o seu logo bíblico, o lugar da nacencia que se recoñece incluso, como aquel peregrino dos primeiros anos da rota compostelá, no momento da morte.


     Afincados hoxe en Sarria camiño de Santiago a París, coa mirada alzada aos Santiagos de América, dende Saint Jacques no centro de París a Compostela, perto do mosteiro medieval de Samos, AULIGA recórdalle a Galicia, en compañía do Presidente do Salón de Outono da capital francesa, Mr. Noël Coret, do Secretario da Comisión Española da UNESCO, don José Antonio de Mesa Basán, e do Comisario da exposición, don José Díaz Fuentes, representante ademais de AULIGA para Francia e resto de Europa, personas e artistas que nos honran coa súa presenza e amizade, recórdanlle á comunidade galega o compromiso histórico coa peregrinación emigrante e artística de homes e linguas comúns de Europa, África, Asia e América. Galicia ten diante de si un horizonte oceánico que os seus homes cruzaron máis dunha vez asociando a vivencia emigrante á peregrina facendo dos ronseis do mar, dos raís do tren, do azul fendido polas áas dos avións, do cansancio das estradas de onte e autorrutas de hoxe, do encontro de culturas, ás veces do exilio, das idas e voltas, camiño histórico de convivencia e destino no remol dunha chamada tamén emigrante e peregrina coma a da arte, do cadro, escultura, canción, poema, un texto íntimo que todo home leva dentro como niño de existencia que o ancora no mundo. O traballo que o emigra, peregrino. Todo home leva dentro un canto de auga ollada de estrelas.

Antonio Dominguez Rey.



 
página anterior diseño web lugo nav página siguiente desarrollo web sarria lugo
Ultima actualización:
April 02. 2014 00:13:54 | miniblog is powered by CMSimple
template by Quinti.net |